Friday 20 de September de 2024

O Igape informa na Coruña sobre os instrumentos para achegar apoio integral aos investimentos en Galicia


O director do Igape participou nunha xornada sobre o Plan de Investimentos para Europa promovida pola Comisión Europea e o BEI

O director do Igape, Javier Aguilera, asistiu na Coruña a unha xornada promovida pola Comisión Europea e o BEI sobre o Plan de investimentos para Europa. Durante o encontro, informou sobre os instrumentos que a Xunta mantén activados para achegar apoio integral ás inversións empresariais en Galicia.

Aguilera lembrou que os emprendedores e os empresarios que desexen investir en Galicia dispoñen, a través dos programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, dos instrumentos de financiamento axeitados, sexa cal sexa o tipo de proxecto e a fase de desenvolvemento en que se atope, tanto para novos investimentos como para ampliación ou diversificación de actividades xa en marcha.

O director do Igape indicou que a Xunta conta con préstamos directos –apoiados con fondos do BEI– para investimentos ou para circulante, con ferramentas para reforzar a estrutura financeira das compañías, así como préstamos participativos –a través de Xesgalicia– ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Instituto.

Destacou tamén a variedade de instrumentos de capital risco de que dispón o Igape para apoiar os investimentos empresariais en cada fase de desenvolvemento dos proxectos: arranque e primeiro crecemento, a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; consolidación e crecemento, mediante o Fondo Xes-Innova e I2C; ou de diversificación, co apoio de Sodiga ou o Fondo Emprende.

Aguilera salientou igualmente que, ademais, as pemes galegas poden contar con liñas de subvención para cubrir ata o 35% de investimentos comprendidos entre 50.000 euros e 900.000 euros. Para financiar investimentos de superior contía, a partir de 900.000 euros, as empresas galegas poden acollerse ás subvencións habilitadas polo Goberno do Estado a través de liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda, tamén xestionada en Galicia a través do Igape. A xornada sobre o Plan de investimentos para Europa, aprobado hai un ano co obxectivo de favorecer os investimentos das empresas, desenvolveuse hoxe na sede da Deputación da Coruña e contou con relatorios de representantes en España da Comisión Europea e do Banco Europeo de Investimentos (BEI).